Parroquia de Santa María de Castrelo


Parroquia de Castrelo. Igrexa.


No eido arqueolóxico esta freguesía é a máis representativa do concello, xa que nela abundan os túmulos megalíticos. Só no coñecido como Campo das Antas, nas inmediacións do lugar de A Mámoa, atópanse máis de vinte enterramentos, localizados ós lados dun antigo camiño, o Vreeiro, utilizado polos arrieiros para transportar o viño do Ribeiro a Compostela. Tamén teñen presencia en Tras da Serra e A Mina.

Do século XV consérvase, en bo estado, a lanzal torre de Alarma de Barciela, situada no igrexario da Mota. Posúe esta obra tres corpos, o primeiro cadrangular e con fórnice; o segundo formado pola plataforma para emitir os sinais luminosose e albergar os ocos das campás, e o terceiro cun pequeno frontis enmarcado por unha cornixa de lousa e rematada antigamente nun pináculo que hoxe xa non conserva. A función que cumpría esta torre, que pertenceu á Torre-fortaleza do Castro de Montes, era a de convocar ós veciños, antes da construcción do templo parroquial, ós actos de culto e ás xuntas xerais de Montes, que se reunían a deliberar no Campo da Granxa, ou tamén, con posterioridade, alertar á poboación das incursións das bandas facciosas que, como a do célebre Guillade, asolaban a rexión durante as Guerras Carlistas.

O templo parroquial data do século XVI, cunha posterior restauración no ano 1752, efectuada polo canteiro Manuel Cadavid e o carpinteiro Salvador Lorenzo, ambos nativos da propia parroquia. É unha igrexa regular nas proporcións, de cruz latina e presbiterio rectangular, con dúas capelas que abren senllos arcos formeiros, historiados e de medio punto, rematando a fachada en esvelta espadana de dous corpos. No cemiterio anexo pódense ollar obras talladas por un dos mellores canteiros da Terra de Montes, Manuel López Barciela, así como sartegos de prodixiosa factura doutro bo artesán, Francisco Villaverde.

 

 





 

Nº de resultados:
1
Mostrar

Esta web utiliza cookies, podes ver a nosa política de cookies, aquí Se continuas navegando estás aceptándoa
Política de cookies +